Go up

TEA en adultos: síntomas e características 

Diagnóstico do TEA

Malia que na actualidade se adoitan detectar a maioría de casos de autismo durante a infancia ou a adolescencia, aínda existen casos de persoas adultas que reciben o seu diagnóstico de forma tardía. Unha gran parte destes adultos con TEA conviviron durante anos con diagnósticos erróneos e malestar derivado de sentirse diferentes e non entender o motivo. Por iso resulta tan importante atopar respostas dende idades temperás. 

Neste post afondamos un pouco máis sobre este tema, non o perdas! 

Por que é tan difícil detectar o trastorno TEA en adultos? 

Os profesionais da saúde están máis acostumados a diagnosticar a nenos e nenas pequenos e, polo tanto, moitas veces non teñen as ferramentas nin os recursos necesarios para facer a diagnose en adultos. De feito, moitos dos cuestionarios que se utilizan nos procesos de avaliación conteñen preguntas que fan referencia a infancia da persoa. 

Ademais, unha gran parte das persoas adultas con TEA xa pasaron por varios diagnósticos anteriores ata chegar a dar, finalmente, co de autismo. Neste caso é moi frecuente que tamén presenten, a raíz dos sucesivos diagnósticos erróneos, ansiedade e depresión. Estes trastornos enmascaran moitas veces os verdadeiras características destas persoas. 

Por último, outra barreira que impide chegar a un diagnóstico temperán é a gran variedade dos síntomas do autismo. De forma xeral, son máis ou menos os mesmos que no caso dos cativos e das cativas, pero teñen lugar nun momento vital distinto. Por exemplo, no caso dos nenos e nenas, adoitase observar (entre moitas outras cousas) como é o seu xogo pero esta perspectiva non é útil para os adultos. 

Síntomas do TEA en adultos 

As persoas con trastorno do espectro autista poden presentar unha serie de características máis ou menos comúns. Porén, é importante ter en conta que cando falamos de espectro autista é porque existen tantos autismos como persoas autistas. Cada caso é diferente e, polo tanto, os síntomas que pode presentar tamén.  

Dificultade para cumprir normas sociais 

Un dos trazos máis característicos que se pode presentar no autismo en adultos, ou en calquera outra etapa vital, é a dificultade para comprender e integrar as normas e condutas socialmente aceptadas. 

Peculiaridades na comunicación 

En moitos casos, as persoas adultas con TEA notan que lles custa comezar e manter conversacións, pois non saben qué dicir. Outros pola contra, falan moito e non perciben os ritmos naturais de conversa. Tanto é así, que ás veces non se senten cómodas interactuando con outras persoas e rematan por evitalo. 

Dificultades para coñecer xente nova 

Os problemas para manter conversas con outras persoas derivan tamén nunha gran dificultade para saír do seu círculo social e coñecer a xente nova.  

Dificultade para identificar e compartir os seus sentimentos e pensamentos 

Outro trazo que se percibe nas persoas adultas con autismo está relacionado coas súas habilidades para idenfiticar e compartir tanto as súas emocións, sentimentos e pensamentos cara os demais. 

Preferencia pola soidade 

Todas estas barreiras sociais que experimentan os adultos con autismo poden levar a que prefiran estar sós antes que relacionarse con outras persoas. 

Falta de control emocional 

Na gran maioría de casos onde existe autismo en adultos, as persoas teñen falta de control emocional, é dicir, cústalles conseguir equilibrar as súas emocións. 

Como se diagnostica o TEA en adultos? 

O TEA en adultos detéctase a través dunha avaliación que acostuma ser máis complexa que a que se fai para os nenos e nenas. No caso dos adultos débense facer adaptacións para evitar confundir algúns dos síntomas cos doutros trastornos de saúde mental como ansiedade. Esta avaliación pode incluír: 

  • Entrevistas para recompilar información sobre a traxectoria de vida. Durante ela o profesional preguntará acerca dos retos que enfronta na comunicación e na interacción social, sobre os seus intereses, comportamentos…  
  • Test específicos como o ADI-R ou o ADOS-2, ou cuestionarios 
  • Test neuropsicolóxicos para medir a capacidade cognitiva, a memoria e a atención. 
  • Probas de habilidades sociais e comunicativas que inclúen a observación en diferentes contextos. 
  • Conversas cos pais ou outros membros da familia para coñecer mellor como foi evolucionando a persoa.

Con toda esta información os especialistas serán quen de obter un diagnóstico o máis preciso posible. Gracias a el, as persoas con autismo poderán comprender os desafíos aos que se enfrontaron no seu pasado, identificar as súas fortalezas persoais e atopar a axuda máis axeitada. 

A importancia do diagnóstico da síndrome TEA en adultos 

Para os adultos con TEA recibir un diagnóstico supón una especie de alivio e un punto de partida para traballar en mellorar a súa situación. A partir de aí poden establecer redes con outras persoas tamén diagnosticadas con TEA e compartir as súas experiencias para sentirse apoiados. 

Neste sentido, as asociacións para persoas con autismo, como ASPERGA, poden ser de gran axuda. Trátanse de espazos nos que, tanto as familia como a persoa con TEA, poden acudir en busca de información, orientación  ou servizos terapéuticos. 

En definitiva, o diagnóstico abre as portas a recibir apoios e recursos especializados que van a depender da avaliación e da situación de cada persoa. Unha das cousas máis interesantes que se pode solicitar é o certificado de discapacidade para ter acceso a todos os beneficios que outorga. Algúns deles son: 

  • Deducións sobre o IRPF. 
  • Acceso a axudas en materia de Educación. 
  • Adaptación de vivendas ou axudas para a compra dunha. 
  • Prazas de emprego reservadas. 
  • Descontos en cultura e ocio. 

De feito, dende o ano 2022, o novo baremo do grado de discapacidade recoñece especificamente o TEA de forma independente e diferenciada do diagnóstico de discapacidades intelectual. Este recoñecemento visibiliza o impacto que as características nucleares do TEA teñen na calidade de vida das persoas que o presentan.