Go up

O diagnóstico de TEA nas mulleres

Diagnóstico do TEA

A análise dos desafíos que enfrontan as mulleres e nenas no diagnóstico do Trastorno do Espectro Autista é sempre clave para crear conciencia sobre o autismo e as súas diferentes formas. Porén,  vólvese aínda máis relevante no Día Internacional da Muller.

O 8 de marzo conmemórase a loita polos dereitos das mulleres e a igualdade de xénero, poñendo de relevo a importancia de abordar os problemas que lles afectan en diferentes aspectos da vida, incluída a saúde. Aproveitando esta data sinalada, en  ASPERGA queremos abordar as dificultades ás que se enfrontan as mulleres con TEA.

A realidade das mulleres con TEA

Cada vez é máis común que mulleres, sospeitando que poden ter TEA, busquen diagnósticos que chegan tarde. Algunhas o fan porque familiares ou amizades suxiren que poderían formar parte do espectro do autismo, mentres que outras buscan respostas debido á complexidade dos síntomas asociados, como ansiedade e trastornos alimentarios, que afectan a súa calidade de vida. En moitos casos, estas mulleres xa recibiron diagnósticos erróneos, como fobia social ou trastorno límite da personalidade, debido á falta de formación dos profesionais no diagnóstico do trastorno do espectro autista en mulleres adultas e ao enmascaramento.

O descoñecemento da súa condición pode levar a trastornos psicolóxicos na idade adulta, como depresión e ansiedade crónica, así como a problemas físicos como fibromialxia e trastornos alimentarios. 

As mulleres con TEA, especialmente aquelas con trastornos alimentarios, tamén enfrontan un maior risco de abuso sexual, xa que, dende nenas, teñen dificultades para comprender distintos niveis de intimidade e situacións de chantaxe. 

Como saber se teño TEA? Muller buscando respostas

As mulleres con TEA afirman ter dificultades para manter relacións sociais, esgotamento despois de eventos sociais prolongados, hipersensibilidade ou hiposensibilidade a estímulos, sinceridade extrema, hiperfocalización en intereses, necesidade de control con dificultades para organizarse, cansazo crónico sen unha causa coñecida, literalidade e dificultade para comprender bromas, sentido da xustiza marcado e condutas autoestimulatorias para regularse.

Existe a crenza de que as mulleres e as nenas teñen unha maior propensión a disimular os seus síntomas, sendo esta conduta especialmente frecuente entre as mulleres que se atopan no extremo do espectro autista altamente funcional. Como son capaces de acoplarse aos roles e características normalizados pola sociedade, non chaman a atención de pais, profesores ou profesionais e o diagnóstico tarda mais en chegar. Entre as formas máis comúns de enmascaramento, atopamos: 

  • – Integrarse nos grupos de forma xeral, aínda que non afondan demasiado nas relacións.
  • – A súa necesidade de control pode facer que sexan tomadas como nenas ou mulleres con ideas fortes.
  • – Obrigarse a establecer contacto visual durante as conversas, malia que se sintan incómodas.
  • – Preparar por anticipado chistes ou frases para utilizar nunha conversación.
  • – Imitar o comportamento social dos demais.
  • – Copiar expresións ou xestos.

As mulleres con TEA tenden a presentar unha serie de características comúns que,a súa vez, son diferentes das que adoitan amosar os homes. Este é, precisamente, outro dos motivos que fai que as mulleres estean infra diagnosticadas. Malia que os estudos que analizan as diferencias entre o autismo en homes e mulleres foron escasos e non hai unha información definitiva, algunhas das diferenzas mais habituais son:

Características do comportamento

  • – Son menos propensas a actuar de forma agresiva.
  • – Observan como se comportan o resto de persoas para aprender a ocultar as súas dificultades.
  • – Teñen tendencia ao perfeccionismo en moitos aspectos da súa vida.

Características da comunicación

  • – Usan xestos de imitación na comunicación.
  • – Poden conversar de forma previsible, coma se tiveran un guión.
  • – Adoitan imitar en lugar de dar respostas naturais ou improvisadas.

Características dos aspectos sociais

  • – Son mais conscientes da necesidade de actuar socialmente.
  • – Gústalles controlar as situacións en todo momento.
  • – Fan grandes esforzos por non ser o centro de atención.

Nenas con TEA: o diagnóstico temperán é a clave

Nenas con trastorno do espectro autista

En canto ás nenas con trastorno do espectro autista, adoitan pasar desapercibidas debido á sintomatoloxía baseada na observación de homes. 

As probas diagnósticas tamén están deseñadas principalmente para diagnosticar a nenos, o que leva a un infradiagnóstico en nenas. O enmascaramento de síntomas comentado anteriormente, pode ocultar comportamentos relacionados co trastorno, presentando dificultades máis sutís que poden ser malentenderse como timidez ou inhibición.

A confirmación do diagnóstico de TEA en mulleres adultas ou nenas  adoita experimentar atrasos en comparación cos homes. Tamén tenden a recibir máis diagnósticos previos incorrectos, o cal complica o seu acceso temperán a intervencións e recursos de apoio especializados necesarios.

A loita do trastorno do espectro autista en mulleres

A confirmación do diagnóstico representa un cambio significativo na vida das nenas e mulleres dentro do espectro do autismo. Isto débese a que posibilita o acceso a apoios e servizos especializados, proporciona unha explicación coherente ás barreiras que enfrontan na súa vida diaria e ofrece claridade sobre o seu funcionamento persoal. Desta forma, estas mulleres e nenas son capaces de comprender as súas capacidades e necesidades e tomar cartas no asunto. Ademais, en moitos casos, este proceso convértese también nun alivio tanto para as mulleres afectadas como para as súas familias.

Para mellorar a detección e diagnóstico do TEA en nenas e mulleres adultas é imperativo continuar coas labores de investigación e axustar a sensibilidade das ferramentas utilizadas. Isto aseguraría que estas ferramentas capturen de maneira adecuada as manifestacións clínicas específicas das mulleres con TEA.

É crucial aumentar a sensibilización e formación dos profesionais en ámbitos como a saúde, a educación e o benestar social. Isto permitirá que estes profesionais incorporen o coñecemento sobre as características, necesidades e prioridades das nenas e mulleres con trastorno do espectro autista na súa práctica profesional.

Tamén é importante integrar unha perspectiva de xénero no enfoque global do TEA en calquera sector de intervención, como a saúde, a educación, o benestar social e as políticas públicas. Isto contribuirá a eliminar os estereotipos de xénero que poden influír na detección, diagnóstico e apoio necesarios para as nenas e mulleres con TEA ao longo das súas vidas.

Dende a Asociación Galega de Asperger traballamos sempre para apoiar a investigación, o diagnóstico e o desenvolvemento de terapias específicas para mulleres con TEA.