O concurso fotográfico e de artes plásticas A Coruña 1, 2, 3, organizado pola Sociedade Filatélica coruñesa en colaboración coa Fundación Emalcsa a través do programa Cultura Accesible e Inclusiva, tivo tres protagonistas da nosa asociación. Violeta González, Mateo Fernández e Pablo Carrasco participaron no certame -que chega á súa cuarta edición co obxectivo de dar a coñecer o traballo e a creatividade das persoas con diversidade- e levaron o segundo e terceiro premios e un dos accésit, respectivamente. O primeiro foi parar, precisamente, a Sasha López (unha das fotógrafas que fixo as fotos da nosa nova web), e houbo outro accésit para Eloy Lago. A maiores, resultaron galardoados catro alumnos do centro La Grande Obra de Atocha na categoría de artes plásticas, posto que foron os que “tunearon” as fotos gañadoras.
O tema do concurso este ano era a visita do rei Carlos I á cidade e agora a Sociedade Filatélica realizará unha tira especial de selos con todas as imaxes premiadas. É posible velas todas nunha mostra titulada V Centenario de Carlos I na Coruña e aberta na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga, ata o 29 de novembro.
Texto: ASPERGA
Fotos: Concello de A Coruña