A síndrome de Asperger é unha das incluídas dentro dos trastornos do espectro autista. Malia que é moito máis común que outros tipos de autismo, segue sendo un gran descoñecido para moitas persoas e profesionais. Por iso é tan importante contar cun día como o Día Internacional da Síndrome de Asperger para dar visibilidade a este trastorno e loitar polos dereitos e a inclusión das persoas con asperger.
Día Internacional da Síndrome de Asperger: por que se celebra o 18 de febreiro?
Cada ano, dende 2007, celébrase o 18 de febreiro o Día Internacional da Asperger, con motivo do nacemento do seu descubridor, o psiquiatra austriaco, Hans Asperger, quen tamén dá nome a esta síndrome.
Este psiquiatra identificou un comportamento similar e inusual nun grupo de nenos e nenas, que presentaban problemas de comunicación, coordinación e aptitude social moi afastados da norma. Aínda que as súas observacións foron publicadas en diversos estudos en 1944, non foi ata a década dos 90 cando as súas observacións comezaron a cobrar valor para psicólogos e estudantes de enfermidades neurolóxicas.
Que se busca coa celebración do Día da Síndrome de Asperger?
A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que aproximadamente un de cada 160 nenos no mundo ten un trastorno do espectro autista. En España, segundo os estudos publicados por Autismo Europa e compartidos por Autismo España, o 1% da poboación podería ter TEA.
A síndrome de Asperger é diagnosticada principalmente durante os cursos escolares e caracterízase por dificultades para comunicarse e relacionarse coas outras persoas ou pola resistencia á adaptación aos cambios. En todo caso, trátase dun trastorno dentro do espectro do autismo no que o coeficiente intelectual é totalmente normal, o que non permite clasificalo como discapacidade intelectual. Polo tanto, non se encadra dentro das categorías establecidas na prestación de apoios a persoas con discapacidade. Algo que limita o acceso a dereitos básicos como:
1. Dereito a un diagnóstico.
2. Recoñecemento oficial da súa discapacidade e dependencia
3. Inclusión laboral no ámbito público e privado
4. Acceso a medidas de apoio no ámbito educativo.
Nos últimos anos producíronse importantes avances en visibilidade social, investigación e tratamento da síndrome. Ademais, cada vez sábese máis sobre as causas que provocan estes trastornos do espectro do autismo. Porén, a pesar de todos estes logros, os dereitos das persoas diagnosticadas de síndrome de Asperger seguen estancados e os avances observados son bastante limitados. Por exemplo, aínda que son perfectamente capaces de desenvolver un posto de traballo, o colectivo ten unhas taxas de paro do 85% e as perspectivas de lograr a independencia das súas familias son limitadas.
Por iso, no Día Internacional da Síndrome de Asperger, todas as asociacións que integran a Confederación Asperger España demandan da sociedade en xeral, e das institucións públicas en particular, un maior compromiso no seu apoio ás persoas con síndrome de Asperger.
Que podes facer polo Día Internacional da Asperger?
Durante o Día Mundial do Asperger celebraranse diversos actos institucionais organizados por asociacións como ASPERGA que buscan visibilizar esta síndrome. En todos eles os protagonistas serán sempre persoas diagnosticadas de síndrome de Asperger e os seus familiares.
A Confederación Española de Autismo tamén organizou unha xornada técnica na que varias persoas con Asperger compartiron as súas experiencias e vivencias. Ao longo desta xornada falaron das barreiras que atopan para desenvolver a súa vida diaria e do apoio que precisan para favorecer a súa participación social. Tivo lugar o xoves, 15 de febreiro, ás 11:00 horas, en formato online.
Pero, ademais, dende as asociacións convidámosvos a que veñades a coñecernos e a descubrir como viven as persoas con Asperger e como superan cada día as súas limitacións. Interesarse pola síndrome, incluír ao colectivo na sociedade e visibilizar as súas necesidades e as da súa familia é a mellor forma de celebrar este Día Internacional da Síndrome de Asperger.