Go up

Ansiedade e autismo: como aliviala 

Diagnóstico do TEA

A ansiedade é un trastorno bastante común entre as persoas dentro do espectro autista. Segundo investigacións recentes, a prevalencia da ansiedade no autismo é significativamente maior que na poboación xeral. Por iso, para que a ansiedade non limite a vida das persoas autistas, é importante coñecer que a provoca e como facer fronte aos seus síntomas. 

Como afecta a ansiedade no autismo? 

Existen multitude de trastornos de ansiedade, pero son sobre todo seis os máis comúns entre as persoas que están dentro do espectro autista. 

Fobias específicas 

Este tipo de fobias caracterízanse por mostrar unha gran ansiedade fronte a obxectos ou situacións específicas. Estas fobias acostuman aparecer tras experiencias traumáticas ou asociacións negativas. Algunhas das máis comúns son habitacións escuras, insectos, cans ou médicos. Malia que as veces son difíciles de entender, é importante ter paciencia e comprender que, aínda que unha fobia non supoñan unha verdadeira ameaza, o medo é moi real para as persoas con TEA. 

Trastorno obsesivo-compulsivo 

Este tipo de trastorno, tamén coñecido como TOC, está impulsado pola ansiedade na que alguén experimenta pensamentos intrusivos ou obsesións que poden causar comportamentos repetitivos ou compulsións.Estas compulsións son un xeito de sufocar os seus pensamentos obsesivos. 

Trastorno de ansiedade social 

A ansiedade social aparece polo medo ás situacións sociais e a sentirse xulgados. Consideran que as súas habilidades sociais non responden ao que se espera delas, por iso evitan as situacións que lles poden resultar incómodas. 

Trastorno de ansiedade xeneralizada 

Refírese á ansiedade e á preocupación persistentes e excesivas por activades ou acontecementos, mesmo por cuestións ordinarias e rutineiras. Esta preocupación desproporcionada resulta moi difícil de control e afecta tamén a como se senten fisicamente.  

Trastorno de pánico 

As persoas con trastorno de pánico experimentan repetidos ataques de pánico e intentan tomar medidas para evitar calquera cousa que crean que vai desencadear un ataque. Aínda que cada persoa os experimenta de forma diferente, polo xeral manifestan sentimentos de fatalidade inminente, falta de aire ou dor no peito. 

Que desencadea un ataque de ansiedade no autismo? 

A ansiedade nas persoas con TEA non adoita aparecer sen ningunha razón ou causa xustificada. De feito, na gran maioría de persoas con autismo existen unha serie de detonantes que activan a ansiedade. Coñecelos será de gran axuda para poder previr e controlar a ansiedade no autismo. 

Alteracións da integración sensorial 

As crises por sobreestimulación sensorial non son voluntarias, xa que o corpo reacciona ante estes estímulos sensoriais. Porén, as persoas con TEA non son capaces de soportar esta sobreestimulación e entran nunha crise nerviosa na que se inclúen balanceos do corpo, condutas de evitación… As situacións onde, por exemplo, exista un nivel de ruído considerable poden desencadear nestas crises xa que as persoas con TEA son extremadamente sensibles a determinados estímulos do ambiente. 

Falta de control e de comprensión do contorno 

Situacións novas ou inesperadas que supoñen non controlar a situación ou o que acontece adoitan ser detonantes da ansiedade no autismo. Esta necesidade de control é unha das claves para identificar o TEA e  pode verse na fixación que teñen pola orde ou por levar a cabo patróns de conduta e rutinas que lles proporcionan maior sensación de seguridade. 

Alteracións na comunicación e na linguaxe 

Non entender o que a xente quere deles, non poder contextualizar o que a outra persoa trata de explicar ou dar respostas ambiguas como un “xa veremos” descolocan ás persoas con TEA e poden ser os detonantes de crises de ansiedade. 

Detonantes sociais 

As relacións persoais son moitas veces imprevisibles ou incluso caóticas, algo que moitas veces pode confundir ás persoas con autismo. Por iso, moitas amosan estados de ansiedade e temor a ser xulgadas ou humilladas polos demais. 

Como se pode facer fronte á ansiedade no autismo? 

A ansiedade non ten que impedir a vida cotiá. Por iso, existen diferentes estratexias de intervención coas que se poden anticipar ou calmar os síntomas de ansiedade. 

Unha delas sería buscar un lugar tranquilo onde a persoa con autismo se sinta segura e poida acudir se as cousas non van ben ou necesita recuperarse dunha situación que lle provocou nerviosismo. Ademais, tamén é recomendable evitar exposicións sensoriais innecesarias que poidan sobreestimular á persoa con autismo. Se isto é inevitable, podemos utilizar recursos como tapóns para os oídos ou auriculares se, por exemplo, son moi sensibles aos ruídos. 

Tamén é interesante establecer horarios e rutinas para asegurar o benestar emocional das persoas con TEA e darlles unha certa sensación de seguridade e estabilidade. Para iso podemos crear horarios coas actividades a desenvolver dentro de cada espazo de tempo. Con relación ao tempo, este debe ser concreto e visual para que a persoa con TEA sexa capaz de “visualizalo”. 

Outras ferramentas moi interesantes son as de valoración emocional, como o termómetro das emocións. Con el pódense representar as emocións de maneira visual, facilitando a valoración da ansiedade ou do estrés. 

Terapia cognitivo-condutual 

Pero, sen dúbida, un dos tratamentos máis eficaces para ansiedade no autismo é a terapia cognitivo-condutual (TCC). Esta terapia emprega a exposición graduada a situacións que provocan ansiedade, así como a ensinanza de formas de relaxación. Tamén utiliza a reestruturación cognitiva, é dicir, identificar e traballar para cambiar os patróns irracionais de pensamento e modelar o pensamento axeitado. A TCC busca capacitar a unha persoa para reconceptualizar a forma na que procesa o mundo para, despois, adquirir habilidades coa que aplicar esta nova forma de ver as cousas. 

É certo que a TCC común é moi verbal e, a miúdo, abstracta. Por iso, no caso das persoas con autismo, habería que adaptar esta terapia incluíndo máis elementos visuais concretos, intereses específicos do neno ou nena, e a participación dos pais. Se se fai, está demostrado que os nenos e nenas con autismo melloran moito despois de someterse á terapia cognitivo-condutual.